sábado, 21 de novembro de 2015

Pedro Guimarey Filgueiras

Vou falar dun antepasado meu, Pedro Guimarey Filgueiras, o tío avó da miña nai. Pareceume unha persoa moi interesante, xa que na época da II República foi unha personaxe moi destacada na miña cidade, pero como o fusilaron caeu un mato de silencio sobre a súa persoa e non volveu ser recordado.

 
Pedro Guimarey Filgueiras


Naceu no ano 1906 na cidade de Ferrol. Era o segundo dos irmáns (África Hortensia, Xosé, Esperanza e Xesús).
Toda a súa vida dedicouna a facer o que realmente lle gustaba tendo como consecuencia a formación dunha persoa realmente culta. Foi escritor, bibliotecario, ATS, músico (tocaba o violín), profesor e dominaba perfectamente os idiomas francés e máis alemán. Xogou tamén unha tempada no Racing de Ferrol.
Foi unha persoa relevante no Ferrol dos anos trinta, xa que estaba practicamente en contacto con todos os ámbitos socio-culturais da época, tanto en temas políticos coma literarios.

Podo empezar a falar del facendo unha referencia ao Ateneo Cultural de Ferrol Vello. Este lugar tivo dous anos de historia e impartíanse numerosas conferencias no seu local, entre os conferenciantes estaba Pedro Gimarey, moitas destas dedicadas aos mozos, formados na mais avanzada pedagoxía baseada na concepción racionalista e científica, con miras a lograr unha formación integral dos máis novos, con respecto absoluto á liberdade, suprimindo todo castigo ou premio. O éxito destas conferencias fai que, en 1936, o “Ateneo Cultural de Ferrol Vello”, cree unha “Escuela para la infancia”, dirixida por Francisco Filgueira e Pedro Guimarey.

Cabe destacar “El Gráfico”, diario nacido durante a II República, pero que vai a ter unha corta vida, xa que a periodicidade e medios necesarios para a edición dun diario non puideron ser soportados polos seus xestores.
O primeiro número sae á rúa o 1 de maio de 1932, tendo unha existencia de apenas dous meses. Imprimíase en “La artística”, a outra gran imprenta de Ferrol da época xunto coa do “El correo Gallego”. Seu director será Nicolás García Pereya, constaba de 4 páxinas e seu coste era de 10 céntimos. Entre seus habituais colaboradores estaba Pedro Guimarey.

As liberdades políticas e sindicais da República, permiten que republicanos, socialistas e anarquistas retomen o contacto cos seus simpatizantes coa proliferación de publicacións. Un exemplo destas publicacións é a “Nueva Infancia”.
O primeiro número aparece o 1 de maio de 1931, trátase dunha publicación intermitente, sen que saibamos na actualidade súa duración xa que so existen dous exemplares na biblioteca municipal.
Será un ensaio de periódico para nenos, formando os más novos dentro da pedagoxía e as novas tendencias educativas. Este xeneroso esforzo recibe a felicitación do Ministro de Institución Pública. Tiña unha tirada de 1000 exemplares, que distribuíanse a maioría de forma gratuíta polas escolas da cidade. O director do periódico era Pedro Guimarey.
 

 

 
Outra das labores a destacar na súa vida foi a de ser o presidente do Partido Republicano Federal en Ferrol. Seu órgano de expresión era Renovación, de periodicidade quincenal. Terminaron integrándose en Unión Republicana.
No café Suízo( hoxe en día o hotel Suízo), totalmente esquecido na memoria dos ferroláns, merece a pena rescatar o papel dun grupo de tertuliáns librepensadores que no café debatían sobre diversos temas. Probablemente, o máis destacado deste núcleo fora Pedro Guimarey Filgueiras, un dos catro directores ao fronte de Renovación, unha publicación ferrolá con periodicidade semanal e de contido avanzado e progresista.
Pedro tiña como amigos máis persoais a Xosé Cao Piñón (anarquista e co fundador do Partido Sindicalista), Nores, Pérez Parallé (o poeta) e a Manuel Rodríguez Otero.
Neste grupo de intelectuais ateos o moi críticos  a Igrexa tamén figuraba Alfonso de Cal (O conde Cadenas) onde Ramón Otero Pedrayo, nunha ocasión que visitou Ferrol aloxouse na súa finca de Valdoviño.
 
A dereita da fotografía esta Pedro e a esquerda o seu amigo Xosé Cao Piñón.
 Como xa dixen anteriormente era un bo escritor, deixou escritas varias obras, entre as que cabe destacar a novela Nido de Esclavos. Foi editada o 1 de Xaneiro de 1935 e con ela ganou o Premio da Asociación de Artistas e Literatos, aínda que non se lle outorgou oficialmente o galardón por non estar afiliado a esta Asociación. Tamén é autor de Pepa Andrea (drama) , Carcoma (drama) , La obra Genial de Tonto Poeta (comedia) y La luminaria de Dios (comedia).  Deixou en preparación outras dúas novelas: Hombres y La Maja de la Tierra.
Aos poucos días do golpe de estado foi detido e paseado, e con iso queimaron todas as súas obras excepto un exemplar de Nido de Escravos, que conserva a miña familia.
 
Estaba a punto de casarse con Luz María Pita Landrove, filla de Xosé Pita Romero (o propietario dos coñecidos coloniais). Tras o seu asasinato, seu amigo Manuel Rodríguez Otero fíxose noivo de Luz María y casáronse. O matrimonio foi propietario da docería La Gloria.
Cando a sublevación miliar de Xulio de 1936, seu amigo Xosé Cao Cortiñas foi  buscalo para que se ocultaran (tiña un zulo preparado); pero Pedro díxolle inxenuamente que, como non cometera ningún delito, non tiña máis que temer algunha multa ou unha breve estancia no cárcere. Cao salvouse tras ocultarse durante anos.
A denuncia proveu dun sacerdote apelidado Vierna –parente do militar- e no grupo de falanxistas que presentouse no domicilio familiar, o da miña bisavoa, atopábase Gonzalo Torrente Ballester. Parece que Guimarey cometeu o gravísimo erro de mandar unha carta a ese sacerdote para poñerse baixo a súa protección. Foi unha mala elección porque Vierna delatouno á Falanxe. Creo que este sacerdote pelexouse con Pedro pola obra La luminaria de Dios, ao que debe engadirse a fama de ateos da tertulia do Café Suízo. Seu futuro sogro, Pita Romero, quixo axudalo e iniciou xestións ante as novas autoridades. Probablemente houbera conseguido salvarlle a vida, pero tras catro días de prisión e antes de que chegara o salvoconducto foi sacado e paseado.
Sobre a presencia de Gonzalo Torrente Ballester  no momento da súa detención convén facer reflexión, cuando hai quen cree que existía rivalidade literaria entre ambos e animadversión por parte do coñecido escritor ferrolano. Guimarey foi paseado catro días más tarde. Fusilado no antigo campo santo de Canido  o 29 de Setembro de 1936.
Conta a miña familia que o día da súa morte, aínda co cadáver quente, botado na fosa común e polo tanto no sabemos onde está o seu corpo, o conxunto de falanxistas que o foran  buscar a casa da miña bisavoa Esperanza, súa irmá, con todos seus familiares chorando súa morte, colocaron un organillo debaixo da ventá da mesma casa e puxéronse a celebrar unha festa.
Meus bisavós Esperanza Guimarey e Pepe Ceniza foron ó cárcere polo mero feito de ser familiares directos deixando as irmáns do meu avó Pedro (chamado así en recordo de Guimarey) Fina y Marina na rúa sen familia e as cales os veciños do barrio de Canido as alimentaban como podían.
Moitos anos despois, meu avó cando entrou de aprendiz na Bazán non o deixaban entrar a traballar dentro das fragatas por levar o apelido Guimarey, soamente o deixaban traballar nos talleres ata despois da transición e o tiñan moi vixiado. 
 
Valoración literaria.
Guimarey foi un ferrolán novo con verdadeira vocación literaria. As obras anteriores a Nido de Esclavos apuntaban boas maneiras, destacando o dominio do léxico e das imaxes literarias. É superado con Nido de Esclavos, onde consagrase coma un gran literato, un escritor verdadeiro.
Tratase dunha novela que podemos encadrar na corrente do realismo social, é dicir, dotada dun forte compromiso ético e ideolóxico, de denuncia, tendendo máis ao pesimismo que á exaltación. Outras a clasifican  como unha literatura proletaria.
En realidade, o hilo argumental da obra é o máis débil da novela e máis ben parece a escusa para encadear varios escenarios.
O director das Irmandades da Fala, en Coruña, Antón Villar Ponte, fixo unha crítica nun xornal sobre a súa literatura que dí o seguinte:
“Para tratar un conjunto de crónicas noveladas, una revista de paisajes morales, con una tendencia ideológica muy generosa, aunque pueda adolecer de una tanto simplista. La excesiva juventud de Guimarey tiende a hipertrofiar su fina sensibilidad literaria, pero no se puede negar su capacidad para captar la realidad circundante con ojo crítico y plasmarla con todo rigor.”
 
 
Por último vou falar sobre a verdade de Pepa Andrea, a única obra teatral que escribiu.
Pénsase que a autoría da obra é conxunta con Pérez Parallé cando non é certo, xa que Guimarey é o único creador da obra teatral. Pérez Parallé foi uns dos amigos máis cercanos e o que fixo na memoria do seu fusilado amigo, foi intentar que ésta fora representada. A obra foi estreada en Santiago.
Para que non quedara ningunha dúbida da autoría da obra, Pérez Parallé deixou escrito polo seu puño e letra nunha das páxinas dun exemplar as siguientes palabras:
A Pedro Guimarey o úneco autor e facedor de Pepa Andrea, quer n’estas liñas cheas de sinceridade e afogantes por unha dôr profondosa, pedirlle coma un consello e coma home perdón po-las verbas aldraxantes, fedorentas que lle dixo, po-lo roubo que quixo facerlle da súa creazón”
 
Espero que con isto alguén máis saiba quen era Pedro Guimarey e sobre todo que as víctimas do franquismo
nunca  sexan esquecidas.
Alba Deibe Ceniza.
 
 
 
 
 
 
 
 
 

 

2 comentarios:

  1. Éncheme de ledicia este traballo de Alba. Mágoa que non esgotara tódalas fontes de información, o que faría posible enriquecer esta publicación sobre a vida de Pedro Guimarey que eu coñezo e de xeito documentado. (Segundoguimareyporvello).
    E-mail: "guimarey@telefonica.net"

    ResponderEliminar